Os 25 concellos que forman o GDR Limia - Arnoia presentan unha campaña conxunta contra as violencias baixo o lema “Non peches os ollos”

Os 25 concellos que forman o GDR Limia – Arnoia presentan unha campaña conxunta contra as violencias baixo o lema “Non peches os ollos”

Os 25 concellos que forman o GDR Limia - Arnoia presentan unha campaña conxunta contra as violencias baixo o lema “Non peches os ollos”

Reparto de diverso material, concentracións, teatro e unha andaina serán algunhas das actividades que se desenvolvan durante os vindeiros días

A Casa do Concello de Bande acolleu esta mañá o acto de presentación da campaña no que participaron as alcaldesas do territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural

 

A Casa do Concello de Bande, que albergou unha cárcere de mulleres durante a posguerra, acolleu esta mañá a presentación da campaña “Non peches os ollos” posta en marcha polo GDR Limia – Arnoia e na que participaron alcaldesas do territorio xunto coa xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural.

“Esta é a primeira vez que os 25 concellos que formamos parte do GDR Limia – Arnoia nos unimos para loitar contra a violencia de xénero, unha lacra que afecta a toda a sociedade”; sinalou Sandra Quintáns, alcaldesa de Bande.

Nos vindeiros días comezará a instalación de lonas e o reparto de diverso material entre a veciñanza destes municipios (chapas, marca-páxinas, cartaces, chocolatinas,…) cunha mensaxe única fronte a violencia de xénero: “Non peches os ollos” e conmemorar deste xeito o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres que ten lugar todos os 25 de novembro. Segundo explicou a alcadesa de Allariz e vicepresidenta do GRD10, Cristina Cid, esta campaña ten como obxectivo visibilizar a nosa resposabilidade como cidadáns cando presenciamos diferentes actos cotiáns de violencia de xénero. “Non podemos mirar cara outro lado, temos que ter os ollos ben abertos e apoiar ás mulleres vítimas”, sinalou Cristina Cid durante a presentación da campaña. A imaxe da campaña, creada polo ilustrador ourensán Miguel Robledo, ten unha muller como protagonista e que se resalta con cores vivas. Rodeana persoas de diferentes grupos de idade e xénero, para as que se empregan unhas tonalidades máis apagadas, e a través das que se pretende simbolizar que a violencia de contra as mulleres é un problema que afecta a todas as idades, xéneros e condicións sociais e económicas.

Máis actividades

A programación arredor do 25N inclúe estas outras propostas reivindicativas e culturais dirixidas a distintos públicos e que se encargou de detallar Elvira Lama, alcadesa de Xinzo de Limia. Estas son as próximas actividades:

? Venres, 12 de novembro. A Casa da Cultura de Xinzo de Limia acolle ás 20:00 horas a representación da obra de teatro “Invisibles” na que se narran sete testemuñas reais de maltrato protagonizadas por Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez.

? Sábado, 13 de novembro. Andaina “O rural contra a violencia de xénero”. Ás 10:00 horas sairemos da Praza Carlos Casares de Xinzo de Limia para dende aquí realizar un percorrido circular de dificultade baixa e apto para todos os públicos. Á chegada, ás 12:00 horas, terá lugar a lectura do manifesto. Para asistir é necesario inscribirse previamente no número de teléfono 988 688 770 ou no enderezo electrónico info@limia-arnoia.gal

? Xoves, 25 de novembro. Ás 12:00 horas concentración nos 25 concellos que forman o GDR Limia-Arnoia diante das correspondentes Casas Consistoriais e lectura do manifesto.

Susana Vázquez, alcaldesa da Porqueira, foi a encargada de pechar o acto de presentación facendo un símil entre a pandemia da Covid e a pandemia da violencia para indicar que “entre todos temos que acabar coas dúas”.

Os concellos que participan na campaña “Non peches os ollos” son: Allariz, Baltar, Bande, Baños de Molgas, A Bola, Os Blancos, Calvos de Randín, Celanova, Entrimo, Lobeira, Lobios, Maceda, Muíños, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Taboadela, Trasmiras, Verea, Vilar de Barrios, Vilar de Santos, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.

O programa “Non peches os ollos” está organizado polo GDR Limia – Arnoia en colaboración do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, da Consellería de Emprego e Igualdade e da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.