Estreamos nova web!
Na Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia estamos de estrea. Apostamos por unha renovación completa e creamos unha nova web actual e innovadora que permita servir de escaparate de todo o que estamos a facer como asociación e visibilizar o labor de todos os grupos de desenvolvemento rural que a integran, sempre mantendo esa esencia integradora que nos caracteriza.
Deseño e contido
A nova web conta cun deseño actualizado, atractivo, visual e claro que asegura unha navegación doada, sinxela e intuitiva entre os distintos apartados. Nela atoparás toda a información sobre a propia asociación e os 24 grupos de desenvolvemento rural de Galicia, entidades de natureza asociativa sen ánimo de lucro que deseñan e aplican unha estratexia de desenvolvemento local participativa para a xestión e aplicación do programa Leader impulsado pola Unión Europea en cada un dos seus territorios. Un mapa de Galicia interactivo levará ao usuario ou usuaria directamente á información actualizada de cada un dos GDR, dende os concellos que o conforman e a súa situación no territorio galego ata a súa web, redes sociais ou diferentes medios de contacto.
O Leader, o seu funcionamento, as últimas novidades do programa actual e do vindeiro ocupa un apartado destacado na nosa web, xa que é unha base importante do crecemento nos diferentes territorios de actuación dos GDR. A Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia e as súas distintas figuras de aplicación para poñer en valor e recuperar terras abandonadas, aumentar a base territorial das explotacións, facilitar o acceso á terra a quen a precise, contribuír á seguridade alimentaria da poboación e traballar pola recuperación demográfica. Tamén hai un apartado específico de documentación para as persoas interesadas en descargar ou acceder a información completa sobre aspectos como a propia Lei de Recuperación da terra agraria ou o Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia.
Redes sociais
As comunicación xoga un papel moi importante hoxe en día, por este motivo a web incorpora tamén un apartado de noticias no que se irán publicando as novidades da asociación e as que vaian achegando os 24 GDR. E, por suposto, mergullámonos no mundo das nosas redes sociais, coa actualización constante das nosas páxinas de Facebook, Instagram e Twitter, que se converterán en punto de encontro e escaparate de contidos e novidades. Tamén ampliamos a nosa presencia en liña coa estrea dun perfil en Linkedin.
Todas estas actuacións están financiadas co apoio da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.