José Rodríguez, Hotel la Rectoral: “O distintivo SICTED supón un paso moi importante no noso proceso de mellora”

Hotel la Rectoral é un establecemento de 4 estrelas situado nunha aldea do concello de Covelo, en plena zona rural do Condado Paradanta. Un espazo de luxo rodeado de natureza que abriu as súas portas en plena pandemia, cando un dos sectores máis afectados foi o turístico.

O seu propietario, José Rodríguez explica como xurdiu a idea deste proxecto e que supón para o seu establecemento contar coa distinción SICTED.

 Como nace este concepto de hotel?

 Nace do obxectivo de restaurar a antiga reitoral da aldea, que data de 1827,  e de  sumar novos elementos contemporáneos. No noso hotel podes gozar de instalacións restauradas do século XIX ao tempo que poderás vivir unha gran experiencia de desconexión nas habitacións que contan con modernos Jacuzzis. Todo isto, por suposto, envolto por unha contorna natural única.

 O proxecto contou co  financiamento dos Fondos Leader, xestionados polo GDR Condado Paradanta, que supuxo para proxecto?

Supuxo unha gran contribución, xa que o investimento dun proxecto así é bastante elevado. No noso caso, a axuda foi de 172.000€ polo que foi decisivo na súa execución.

Ademais da calidade dos servizos ou das instalacións do hotel,  que outros factores importan á hora de escoller Hotel La Rectoral como destino?

É esencial a calidade da localización, malia estar no interior, o hotel está moi ben comunicado cos diferentes puntos de interese do Condado Paradanta, así como con poboacións máis grandes nas que o visitante atopará tódolos servizos necesarios para a súa estadía. Gran parte do valor do hotel reside en estar no Condado Paradanta.  

O vindeiro luns, 7 de marzo de 2022 recibirá oficialmente e por primeira vez distintivo SICTED, que supón para o seu hotel adquirir este certificado?

Para nós, o distintivo SICTED supón un paso moi importante no noso proceso de mellora. Este distintivo permite homoxeneizar a calidade dos servizos turísticos no  destino, neste caso o de Condado Paradanta. Non só supón melloras de cara aos clientes, senón tamén nos procesos internos. Sen dubida cantos máis establecementos nos sumemos a esta iniciativa, mellor será para a promoción do destino.  

Xa para rematar, enumere tres razóns  que fan que o  Condado Paradanta sexa un destino dez? 

En primeiro lugar a abundancia dos recursos naturais, culturais e de patrimonio, a oferta diversificada de aloxamentos e as infinitivas actividades que se poden levar a cabo no Condado Paradanta. 

 

FONTE: GDR Condado-Paradanta