Eu Rural impulsa 16 proxectos no territorio nos últimos tres anos a través do Programa Leader

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural continúa dando pulo ao rural, apostando por novas iniciativas xeradoras de actividade económica e emprego nos 13 concellos do seu territorio. A través do Programa Leader, nestes tres últimos anos a entidade desenvolveu 16 proxectos que supuxeron un investimento total de máis de 1,8 millóns de euros, dos que arredor de 620.000€ foron financiados a través das convocatorias 2020-2021 e 2021-2022. Iniciativas centradas na dixitalización, ampliación empresarial, no lecer ou na saúde, entre outros eidos, que supuxeron a creación de 16 novos postos de traballo e a consolidación doutros 38 xa existentes. “Queremos seguir traballando para dar resposta ás necesidades do noso territorio e construír un rural no que, á vez que se crece, se corrixen desigualdades e se crean oportunidades”, salienta Sandra González, presidenta de Eu Rural.

Última convocatoria

Entre as iniciativas postas en marcha na actual convocatoria atópanse 9 proxectos en execución cun investimento de máis 1,3 millóns, con 460.000 euros subvencionados a través do Programa Leader, e que crearon ou consolidaron case 24 empregos en Mos, O Porriño, O Rosal e Tomiño. Entre os 5 proxectos produtivos cóntase coa ampliación e modernización das instalacións de Hermanos Freiría, coa que mellorar a produtividade desta empresa dedicada a servizos de reparación e mantemento de vehículos industriais; a transformación e valorización da produción primaria dunha explotación de froiteiras para a elaboración de zumes ecolóxicos; a creación dun Centro de Día na parroquia mosense de Torroso con capacidade para 40 persoas; a creación dunha nova sala de ximnasio en Goián; e a creación dun espazo para a realización de actividades lúdicas para nenos e nenas e as súas familias baixo o nome Son Rural.

A adquisición dunha furgoneta adaptada para a Asociación Agrupación Musical do Rosal, a creación dunha aula de informática para centro de rehabilitación psicosocial e laboral e vivenda protexida na Guarda e a reforma dun edificio para a posta en marcha dunha escola de música dixital son os proxectos non produtivos que se están a desenvolver. A actual convocatoria complétase cun proxecto non produtivo promovido polo Concello da Guarda para reformar as instalacións do centro de formación e emprego M.B. Portela.

Convocatoria 2020-2021

Pola súa banda, na convocatoria 2020-2021 executáronse 7 iniciativas en Baiona, O Porriño, O Rosal, Tomiño e Tui con 30 postos de traballo creados ou consolidados e cun investimento de arredor de 507.000 euros, dos que case 160.000 foron financiados polo Programa Leader. Entre os proxectos produtivos atópanse a ampliación das instalacións dunha clínica veterinaria que lles permite ofertar servizos pioneiros en todo o Baixo Miño e cunha plantilla 100% feminina con 11 mulleres, a creación dun centro de rehabilitación neurolóxica en Tui, a ampliación das instalacións produtivas da empresa de deseño e fabricación de tapóns e embalaxes especiais para botellas Plasmitec Solutions e a adquisición de moldes, a reciclaxe e a creación dun showroom en Koala Internacional, unha empresa de fabricación e comercialización de accesorios para o sector do viño, o cava, o champagne e os combinados. Entre os proxectos non produtivos desta convocatoria atópase en execución a creación dun centro forestal adaptado TIC no Rosal e, entre os non produtivos promovidos por entidades públicas, a creación de dous espazos formativos para as NTICS no centro multiusos Ángel Bedriñana, solicitado polo Concello de Baiona, e o fomento da administración electrónica no Concello de Tui.

Dando pulo ao rural

Eu Rural participa ademais en catro proxectos de cooperación con outros grupos de desenvolvemento rural: Eurochef, liderado pola asociación e é o único proxecto de carácter internacional; Viños das IXP de Galicia, co que impulsar o sector vitivinícola das Indicacións Xeográficas Protexidas; Son de Monte, para a posta en marcha dunha rede de colaboración para a valorización do monte; e Incorporando Ilusións-Nó rural, para o acompañamento da xuventude para oportunidades de emprendemento no rural.

“As máis de tres décadas do Programa Leader deixan clara a importancia destas convocatorias para a transformación do rural, para fomentar o seu dinamismo, para manter ou xerar emprego, dotar de servizos á veciñanza e favorecer a mellora do seu nivel de vida e inclusión social. Sobre todo na situación actual, tras dous anos de crise sanitaria”, salienta a presidenta de Eu Rural, que lembra que os territorios “agardamos xa pola derradeira convocatoria 2022-2023 da PAC 2014-2020 para continuar colaborando e poñer en marcha todos os proxectos que xa temos en espera para seguir dando pulo ao rural”. Dende Eu Rural xa estamos traballando para pechar o actual período e iniciar os procesos participativos de cara á nova estratexia que marcará as nosas intervencións no novo período de programación de la PAC para 2020-2026.

Toda a información dos proxectos do Programa Leader e dos proxectos de cooperación está dispoñible na páxina web de Eu Rural.

 

FONTE: Eu Rural