O sumiller Luís Paadín defende a necesidade de vincular os viños coas singularidades do territorio ao abeiro do proxecto de cooperación Viños das IXP de Galicia

O sumiller Luis Paadín ofrece unha apaixonada defensa da necesidade de vincular os viños coas singularidades do lugar onde se producen ao abeiro do proxecto de cooperación Viños das IXP de Galicia, no que os grupos de desenvolvemento rural Pontevedra Morrazo, Eurural, Mariñas-Betanzos, Comarca de Ourense, Salnés-Ulla-Umia e Deloa colaboran con 15 adegas repartidas entre as catro Indicacións Xeográficas Protexidas ao amparo das que se elaboran viños en Galicia.

«A un viño hai que pedirlle que sexa capaz de explicar o territorio, que cando un beba un viño traslade a ese sitio, que sexa unha paisaxe dentro dunha botella». Así resúmese a súa intervención nas xornadas de presentación de Viños das IXP de Galicia que se celebrou no Pazo da Cultura de Pontevedra no pasado mes de novembro.