Alumnado do CEIP Padre Feijoo de Allariz e do CEIP Plurilingüe Carlos Cid Arregui de Rairiz participan nas xornadas “Son Reserva”

A semana pasada arrancaron as xornadas “Son Reserva” organizadas pola Reserva da Biosfera da Área de Allariz e o GDR Limia-Arnoia e que se impartirán durante as próximas semanas no CEIP Padre Feijoo de Allariz e no CEIP Plurilingüe Carlos Cid Arregui de Rairiz de Veiga.

Trátase de catro sesións, dúas en cada centro educativo, que se realizarán dentro e fóra das aulas para que o alumnado coñeza os principais recursos e valores da Reserva da Biosfera da Área de Allariz. Xogos e contos foron as dúas actividades principais que se realizaron na primeira sesión co alumnado do CEIP Plurilingüe Carlos Cid Arregui. Esta semana, as xornadas continúan coas alumnas e alumnos de 4º de Educación Primaria do CEIP Padre Feijoo de Allariz.

Ademais das sesións nos propios centros educativos, o alumnado realizará unha saída a diferentes puntos de interese incluídos dentro da propia Reserva. Así, está previso que os estudantes de Allariz visiten a Carballa da Rocha, o Museo da Limia e as Veigas de Ponteliñares mentras que os de Rairiz coñecerán o Castro de Armea, o Museo do Xoguete e a contorna do río Arnoia.

“Son Reserva” son unhas xornadas que naceron co obxectivo de divulgar, difundir e poñer en valor os diferentes recursos e valores que agocha a Reserva da Biosfera da Área de Allariz. Desta forma, os nenos e nenas aproxímanse dun xeito didáctico e divertido á contorna na que viven e coñecer cales son os recursos naturais, laborais e culturais que ésta lle ofrece. A Área de Allariz declarouse Reserva da Biosfera en xuño do 2005 e está formada polos concellos de Allariz, A Bola, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos. Abrangue unha superficie de algo máis de 21.000 hectáreas na que viven unhas 10.000 persoas.

 

FONTE: GDR10 Limia-Arnoia