Terra Atlántica propón un Laboratorio Artístico en xuño

Desde a marca de territorio da Costa da Morte-Terra Atlántica vén de lanzarse unha nova actividade dentro do programa anual, un Laboratorio Artístico na Costa da Morte.

 

Celebrarase no Ecomuseo Forno do Forte, en Buño, o vindeiro 5 de xuño de 2022 en horario de 12 a 20h. A proposta da Terra Atlántica fundaméntase en conseguir crear unha obra que represente a Costa da Morte dende unha perspectiva artística. Así, a marca fai un chamamento a creadoras e colectivos do territorios vencellados á cultura e á artesanía que queran participar desta actividade.

 

Obxectivos

 

Conseguir que a obra plasme ou reflicta o que é a Costa da Morte dende unha visión artística. Simbolizará á Costa da Morte cos seus valores, paisaxe, patrimonio, cultura, gastronomía, etc.

 

En que consiste?

 

Trátase dunha proposta para pór en valor todo o talento creativo e artesanal que hai no territorio da Costa da Morte, que terá lugar no Ecomuseo Forno do Forte (Buño), Malpica de Bergantiños, o domingo 5 de xuño de 12:00 da mañá a 20:00.

As persoas participantes farán unha intervención, en directo, da obra creada ou comisariada para este proxecto, tendo cabida propostas de artesanía e distintas disciplinas artísticas (encaixe, olería, pintura, escultura, etc)

As/os artistas deberán crear a obra durante o tempo estipulado do Laboratorio formando parte dun evento da Marca.

O estilo e a técnica así como as dimensións serán de libre elección.

 

Quen pode participar?

 

Poden participar todas aquelas persoas e colectivos artísticos ou artesáns maiores de idade.

A participación no laboratorio farase por orde de inscrición e tendo en conta os criterios de selección.

 

Inscrición e prazos

 

O número de propostas no Laboratorio é 15.

O prazo de inscrición é dende o 2 de maio ás 00:01 horas ata o 22 de maio ás 23:59 horas e pode realizarse a través desta ligazón.

 

FONTE: Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte