Allariz aposta por un plan turístico centrado nos produtos típicos locais

A Xunta Directiva do GDR Limia-Arnoia aprobou esta mañá o Plan de Sostibilidade Turística en Destino

Nove concellos da área de Allariz presentarán de forma conxunta a súa candidatura á convocatoria do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo e financiados integramente con Fondos Europeos Next Generation.

Antes da formalización da candidatura, membros do GDR Limia-Arnoia, que colabora cos nove concellos para a redacción do Plan e é a entidade solicitante da axuda, mantiveron o pasado martes un encontro con representantes municipais dos nove concellos e do sector turístico que se celebrou no Centro de Promoción Ecónomica de Allariz.

A principal idea deste ambicioso plan é a aposta polo desenvolvemento turístico ao redor dos produtos alimentarios de calidade que se producen, transforman e comercializan nos nove dos concellos que pertencen ao territorio do GDR Limia-Arnoia e que forman parte da Reserva da Biosfera da área de Allariz e do Xeodestino Allariz-A Maceda. Entre eles están: Allariz, A Bola, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Xunqueira de Ambía, Baños de Molgas, Vilar de Barrio, Taboadela e Maceda.

Un dos obxectivos principais deste plan turístico é artellar todos aqueles mecanismos que axuden aos pequenos produtores a pór en valor as súas explotacións e os seus produtos, así como crear canles de comercialización interna. Desta forma, preténdese converter a zona nun referente para os sectores económicos relacionados co turismo.

A Xunta Directiva do GDR Limia-Arnoia aprobou onte á mañá dito Plan que se formalizará nos vindeiros días.

 

FONTE: GDR10 Limia-Arnoia