Abril e Tumba e dalle, gañadores de Interritmos: Sons do rural

O pasado sábado tiveron lugar no Náutico de San Vicente do Mar, parte das actividades enmarcadas no proxecto INTERRITMOS SONS DO RURAL, ás que asistiron máis de 90 persoas, entre elas o Subdirector da Agader e presidentes e membros das xuntas directivas dos 4 Grupos de Desenvolvemento Rural que promoven o proxecto.A xornada comezou coa celebración da charla coloquio titulada Ao son do Tradi-Trap, na que Marta Gómez, periodista especializada no ámbito cultural e novas tecnoloxías na TVG, entrevistou a Xaquín Xesteira, fundador e gaiteiro de Treixadura e a Ortiga, músico, cantante e compositor e na que se abordou o tema da evolución da música do tradicional a interpretacións máis actuais da música de raíz.

Pola tarde tivo lugar a audición final na que participaron os seis finalistas de INTERRITMOS SONS DO RURAL. O xurado formado por Olga Kirk, Fransy González, Chema Cebeiro e Santi Castromán foi o encargado de seleccionar aos dous grupos gañadores, ABRIL e TUMBA E DALLE, que ademais da gravación dunha peza e un vídeo promocional nos Estudios de Grabación Mans de A Coruña, realizarán un circuíto musical en vivo, o día 3 de setembro ás 19.00 horas no Muíño de Pozo do Cachón, no concello de Muros, o día 30 de setembro, na aldea BIC de Froxán, en Folgoso do Courel e o 8 de outubro ás 13.00 horas na Alvariza de Pedro Pardo, na ruta de San Mamede, en Triacastela. Ademais formarán parte do cartel do Festival de la Luz, que se celebrará en Boimorto do 26 ao 28 de agosto.

Charanga Trébede e Paraíso Canto, gañadores de Interritmos Sons do Rural 2021, foron os encargados de amenizar a xornada.

Ao igual que nesta primeira xornada, as actuacións de Muros, Mesía, Folgoso do Courel e Triacastela, estarán acompañadas da celebración de coloquios e charlas sobre distintos aspectos da evolución da industria cultural e da música tradicional. O día 3 de setembro, en Muros, terá lugar a charla As mans da arte musical, da man de Susana Seivane e Antón Corral, o día 30 de setembro, en Mesía serán Uxía Senlle e Elías González, os que participarán na charla coloquio que leva por título Cocendo melodías, o 7 de outubro en Folgoso do Courel, Bieito Romero e Evaristo Méndez, participarán na charla As Voces dos Lugares, para finalizar o día 8 de outubro, en Triacastela, con Quique Peón e Leni Pérez, que falarán sobre Música e danza. Marta Gómez, será a encargada da moderación de todas elas.

O programa completo das actuacións e xornadas están publicados na web https://interritmos.deloa.es.

Nesta edición INTERRITMOS SONS DO RURAL, promóveno os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Asociación de Desarrollo Local Deloa, Salnés-Ulla-Umia, Asdecomor e Ribeira Sacra-Courel, entidades colaboradoras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a xestión da Medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020 e que busca a potenciación do patrimonio musical gallego.

 

FONTE: Asociación DELOA