O GDR Condado Paradanta convida ás entidades locais a traballar en conxunto

O GDR Condado Paradanta iniciará un ciclo de sesións informativas nos diferentes concellos do territorio, para convidar ás asociacións a colaborar de maneira conxunta no desenvolvemento
comarcal.

Segundo o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo, o obxectivo principal é formular a estratexia adecuada para o desenvolvemento da zona, polo que considera necesario poder contar coa colaboración dos diferentes actores socioeconómicos do territorio. “Queremos constituír foro de debate, sensibilizar e optimizar o aproveitamento dos recursos endóxenos e artellar dinámicas de participación nas que tódalas entidades se vexan representadas” asegura Castillo.

Destinatarios

As presentacións están dirixidas ás entidades públicas e privadas representantes do territorio de actuación que poidan encadrarse nalgunha das seguintes mesas sectoriais: asociacións de mulleres, asociacións de mozos, asociacións de acción social; asociacións cuxo obxecto social garde relación coa protección, conservación e/ou mellora do medio ambiente; asociacións do sector agrario, asociacións de empresarios e agrupacións de profesionais; asociacións do sector cultural, educativo ou etnográfico e o sector público.  

Reunións

Desde o 22 de xuño ao 6 de xullo o GDR percorrerá os 10 concellos que forman parte do territorio para dar a coñecer o traballo da entidade e informar sobre as posibilidades de participación dos diferentes actores sociais. 

O primeiro encontro será o mércores 22 na Casa da Xuventude do Concello das Neves ás 21 horas. A seguinte reunión terá lugar o luns 27 á mesma hora, no salón de plenos de Salvaterra de Miño, e ao día seguinte a sesión realizarase no salón de plenos de A Cañiza. Os concellos de Covelo e Balneario Mondariz, acollerán as xornadas informativas o mércores 29 e xoves 30 de xuño ás 21:00 e 20:30 horas respectivamente, nos seus auditorios municipais. O mesmo xoves 30, ás 21:30 a presentación tamén se realizará na biblioteca municipal de Mondariz. A reunión en Arbo desenvolverase o venres 1 de xullo, na Sala de Museo Arabo, ás 21:00 h. Nese mesmo horario pecharanse os encontros o día 4 en Salceda de Caselas, no CDL Torrón e o martes 5 de xullo, no auditorio municipal de Crecente.

Grupo de Desenvolvemento Rural

O GDR Condado Paradanta constituíse en 2008 para integrar e representar axentes territoriais, institucionais, sociais e económicos interesados en promover o desenvolvemento da zona. Xestiona proxectos comarcais e Fondos Europeos, a través do Programa Leader Galicia mediante un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, orientados ao desenvolvemento socioeconómico do territorio de actuación.

 

FONTE: GDR Condado Paradanta