DELOA anima ás entidades do territorio a adherirse ao GDR e participar activamente na elaboración da Estratexia
A Asociación de Desarrollo Local Deloa celebrou, no Pazo de Goiáns (Boiro), unha reunión da súa asemblea xeral, na que estiveron presentes, a Presidenta da Asociación Deloa, o Vicepresidente da Fundación Paideia, os alcaldes de Boiro, Rianxo, Outes, A Pobra, Porto do Son e Dodro, a alcaldesa de Muros, representantes dos Concellos de Ribeira, Rois, Lousame e Noia, así como de entidades privadas, como a Asociación Misela, a Asociación de Amas de Casa de Ribeira, a Asociación Rianxeira de Empresarios, a Asociación de Empresarios de Ribeira, a Asociación Amicos, a Asociación Xuvenil Integrados, o Club Náutico de Ribeira, a Asociación Ambar, Adisbismur, Agadea, a Asociación Noia Histórica, CCOO, CMVMC de Carrais, entre outras.
No relativo á elaboración da estratexia da Asociación Deloa para o período 2023-2027, informouse aos asistentes da publicación por parte da Agader das bases reguladoras para a selección de organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras para a xestión da medida Leader no período 2023-2027 e acordouse a presentación da solicitude para que a Asociación Deloa, opte a ser entidade colaboradora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a xestión do Leader nos vindeiros anos.
Destacouse a importancia da participación das diferentes entidades do territorio na elaboración da estratexia para o período 2023-2027, e informouse do “principio de portas abertas” que rexe na entidade, á vez que se animou a aquelas entidades do territorio, que cumpran os requisitos para ser socios, a adherirse ao Grupo de Desenvolvemento Rural, así como a participar activamente na elaboración da estratexia.
Tamén se ampliou a xunta directiva da entidade, incorporando á Asociación Ambar na mesma, quedando conformada por un total de 21 entidades, 9 públicas e 12 privadas.
Ao rematar a asemblea tivo lugar a sinatura de dous convenios de colaboración. Un deles entre a Fundación Paideia Galiza e os grupos de desenvolvemento rural Deloa, Asdecomor e Ribeira Sacra-Courel, para levar a cabo unha acción formativa sobre emprendemento cultural e artístico no rural. Esta acción formativa, impartirase nos meses de setembro a decembro e está dirixida a persoas, grupos, asociacións ou profesionais que busquen mellorar competencias no desenvolvemento de proxectos e emprendemento sustentable en cultura e artes no rural. Estiveron presentes para a firma, Sandra Ortega Mera, Presidenta da Asociación de Desarrollo Local Deloa, José Manuel Arias López, Presidente do GDR Ribeira Sacra-Courel, Mariano Iglesias Castro, Presidente do GDR Asdecomor e Guillermo Vergara Muñoz, Vicepresidente da Fundación Paideia Galiza.
Este programa, totalmente gratuíto, enmárcase dentro dun convenio cofinanciado polo Fondo Social Europeo, a Escuela de Organización Industrial e a Fundación Paideia Galiza, co obxectivo de realizar accións formativas para fomentar o emprendemento e aumentar a probabilidade de éxito en proxectos emprendedores.
O outro convenio, asinado entre a Asociación Deloa e os Concellos de Noia, Porto do Son e Outes, ten por obxecto a posta en marcha doutra acción formativa denominada Residencia Artística Xuvenil, neste caso dirixida a mozos e mozas de entre 16 e 29 anos. Estiveron presentes na firma Sandra Ortega Mera, Presidenta da Asociación de Desarrollo Local Deloa, Manuel González López, alcalde do Concello de Outes, Luis Oujo Pouso, alcalde do Concello de Porto do Son e Laura Salgado, representando ao Concello de Noia.
Esta formación permitirá ás persoas participantes coñecer de cerca a industria musical e daralles as ferramentas para desenvolver os seus proxectos artísticos con maior solvencia e criterio. Ademais, terán a oportunidade de coñecerse entre si e formar grupos de traballo, dando lugar a un laboratorio de creación musical.
Á par, traballaranse as competencias para o emprego, a través de formacións levadas a cabo por profesionais do sector da comunicación, o coaching ou a selección de persoal e a orientación laboral, que prepararán ao alumnado para a súa futura empregabilidade.
Este programa, totalmente gratuíto, enmárcase dentro dun convenio cofinanciado polo Fondo Social Europeo, a Escuela de Organización Industrial e a Asociación Deloa, co obxectivo de realizar accións formativas que fomenten o emprego xuvenil na industria musical.
O prazo de inscrición xa está aberto e pode realizarse a través do teléfono 981 817 000, no whatsapp 606 026 202 ou a través da web da Asociación de Desarrollo Local Deloa www.deloa.es.
Ao finalizar a reunión, os asistentes realizaron unha visita polas instalacións do Pazo.
FONTE: Asociación DELOA