Máis de 100 entidades locais participaron no primeiro ciclo de reunións do GDR Condado Paradanta

Máis de 100 asociacións participaron no primeiro ciclo de reunións convocadas polo GDR Condado Paradanta en sete dos 10 concellos que integran o territorio da entidade. O obxectivo dos encontros é convidar aos actores locais máis representativos a participar de maneira conxunta no desenvolvemento local. Así mesmo, ditas reunións supoñen o inicio do proceso participativo para a elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa de cara á xestión do Programa LEADER 23-27, que se fará a través dun convenio de colaboración coa AGADER da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

As Neves, Salvaterra de Miño, A Cañiza, Covelo, Mondariz,  Mondariz Balneario e Arbo acolleron as primeiras xornadas nas que as persoas asistentes amosaron gran interese en establecer canles de colaboración para impulsar diversas iniciativas de crecemento.  O presidente do GDR Juan Pablo Castillo, destaca a implicación dos Concellos e agradece o “apoio e o compromiso amosado co progreso da zona Condado Paradanta”.

Castillo asegura que na actualidade “existe unha maior consciencia de identidade territorial,  polo que os proxectos e iniciativas supramunicipais son acollidos con optimismo e perspectiva global.”  Para o presidente do GDR á hora de traballar a favor do territorio, as entidades locais sempre suman  “son actores sociais conscientes das necesidades reais e proactivos á hora de buscar solucións integradoras”.

Método de colaboración

Dependendo da súa natureza, as entidades locais (públicas e privadas) que se asocien ao GDR poderán participar de xeito directo nalgunha das 8 mesas sectoriais que dispón a organización: asociacións de mulleres, asociacións de mozos, asociacións de acción social; asociacións cuxo obxecto social garde relación coa protección, conservación e/ou mellora do medio ambiente; asociacións do sector agrario, asociacións de empresarios e agrupacións de profesionais; asociacións do sector cultural, educativo ou etnográfico e o sector público.

Así mesmo tamén se poderán levar a cabo outras iniciativas , xa que tal e como apunta Castillo, “no GDR estamos abertos a colaboracións con diferentes organismos de cara á posta en marcha e consolidación de diferentes proxectos que impliquen unha mellora para o desenvolvemento e vida do rural”.

Próximos encontros

A vindeira semana rematarán as sesións informativas, para ás que xa hai convocadas 250 asociacións. Salceda de Caselas acollerá a próxima reunión o luns 4 de xullo, no CDL Torrón ás 21:00 horas, e no mesmo horario do martes, 5 de xullo, o encontro realizarase no salón multiusos do auditorio de Ponteareas. O ciclo pecharase en Crecente, o mércores 6 de xullo, ás 21:00 horas no auditorio municipal.

 

FONTE: GDR Condado-Paradanta