Xornadas sobre turismo sostible: potencial e recursos que debemos aproveitar
Os pasados días 20 e 21 de xullo organizáronse dende a Asociación Montes e Vales Orientais unhas xornadas de encontros profesionais sobre turismo sostible en espazos naturais protexidos.
Durante estes dous días participaron expertos dos diferentes temas que se trataron nas mesas redondas: ecoturismo; experiencias e iniciativas no rural; culturas e vilas históricas; desenvolvemento integral do territorio; e turismo e sostibilidade en espazos naturais protexidos.
Para o xantar, contouse coa colaboración do Grupo Operativo Gayas. O primeiro día a comida fíxose cos produtos que aportou A Carqueixa, no Bar Xegunde en Navia de Suarna, acompañada polos viños de Adega Sidrón e Cervexas Píntega. A Asociación de Gandeiros de A Fonsagrada (Asgafon) elaborou a comida do segundo día cos seus produtos e os de Son de Lugo, poñendo enriba da mesa o valor dos alimentos da provincia como pode ser o mel de Outurelos entre outros moitos. Os cafés de mediamañá foron servidos por Panadería Disu e Panadería Méndez.
Potencial para o desenvolvemento do turismo sostible
Nestas xornadas tamén se aproveitou para realizar visitas como actividades complementarias ás mesas redondas: un día coñeceuse Navia de Suarna coa colaboración de Irmandade Naviega e outro día a iniciativa do Club de Montaña Terras de Burón de A Fonsagrada.
A raíz disto, apreciouse o potencial que hai na montaña de Lugo, porque moitos dos poñentes fixeron fincapé nel. Moitos marcharon abraiados, debido ao gran descoñecemento que lles supoñía esta zona e, grazas a este evento, puideron apreciar a capacidade de desenvolvemento dun territorio que está a buscar fórmulas para atraer visitantes e que queiran repetir. Todo isto foi posible grazas á participación de iniciativas como a de Equusfera, Tirolina das Minas, Muvicla, Fundación Uxío Novoneyra ou a Vía Künig.
Un dos aspectos triunfantes foi o de ofrecer comidas de produtores locais debido a que, como destacou Mario Carvalho, presidente da Asociación Portuguesa de Turismo Sostible, “o turismo ten que valer para que os produtores locais teñen máis oportunidades de negocio” e deste xeito, a xente nova queira emprender e ter pequenos negocios nestas zonas.
Dende o GDR tense solicitada unha candidatura de “Plan de Sostibilidade Turística en Destino” orientada ao ecoturismo e considérase que hai que ir por ese camiño. Outra cousa que se fixo en colaboración coa FEGAMP é “Experiencias Turismo España”.
Alfonso Polvorinos, experto en ecoturismo e turismo de natureza, indicou que temos moitos recursos para unirnos ao Club de Ecoturismo de España, porque se conta cunhas posibilidades que non hai en outras zonas.
Guía de micropaisaxes
Durante estas xornadas tamén se presentou a “Guía de Micropaisaxes”, un lugar onde figuran un total de 144 micropaisaxes, novos destinos para que a xente visite nos 13 concellos que forman parte do GDR e do Xeodestino Ancares-Terras de Burón. A guía foi elaborada coa colaboración destes concellos e dos seus respectivos técnicos de turismo.
Para os que non coñezades o termo, unha micropaisaxe é un espazo que xera un punto positivo na vista do turista, sendo así un aspecto subxectivo que depende do observador.
Para ir coñecéndoos aquí se deixa o enlace que estará dispoñible na páxina web do Xeodestino para a consulta e participación de todos os visitantes, xa que este será un espazo colaborativo, onde todos poderán engadir novas micropaisaxes.
A xerente, Fe Álvarez, considera que o traballo que se está a realizar é bo, podendo mirar ao redor para aprender e facer máis por todos porque, tal e como ela indica, “o GDR somos todos, o que xa estamos dentro e os que poden vir. O traballo do GDR é precisamente iso: aglutinar a poboación, a sociedade local, os concellos… para que entre todos sumemos”.
Estas xornadas foron útiles e produtivas para buscar os empurróns precisos para seguir cara adiante. Nas nosas redes sociais podes ver os vídeos resumo dos encontros: vídeo Navia de Suarna e vídeo A Fonsagrada.