Interritmos: Sons do rural recalou en Muros coa actuación de Abril e Tumba e dalle

O sábado 3 de setembro, tivo lugar no Muiño do Pozo de Cachón, no Concello de Muros, a primeira das actuacións que forman parte do circuíto musical no que participan os dous grupos gañadores da edición 2022 do proxecto INTERRITMOS SONS DO RURAL. A participación no circuíto musical, forma parte do premio outorgado, o pasado 4 de xuño no Náutico de San Vicente do Mar, ás agrupacións musicais Abril e Tumba e Dalle.

As actuacións complementáronse coa celebración da charla coloquio que leva por título As mans da arte musical, na que participaron Susana Seivane, gaiteira e Antón Corral, gaiteiro e artesán de instrumentos musicais galegos. Marta Gómez, periodista especializada no eido cultural e novas tecnoloxías na TVG, foi a encargada da moderación da mesma.

O broche final púxose coa degustación de produtos tradicionais.

As seguintes citas serán o 30 de setembro, na Aula da natureza das Brañas de Valga, no Concello de Mesía, o 7 de outubro, na aldea BIC de Froxán, en Folgoso do Courel e o 8 de outubro na Alvariza de Pedro Pardo, na ruta de San Mamede, en Triacastela.

Ao igual que na xornada celebrada en Muros, as actuacións de Mesía, Folgoso do Courel e Triacastela, estarán acompañadas da celebración de coloquios e charlas sobre distintos aspectos da evolución da industria cultural e da música tradicional. O día 30 de setembro, en Mesía, serán Uxía Senlle e Elías González os que participarán na charla coloquio que leva por título Cocendo melodías, o 7 de outubro en Folgoso do Courel, Bieito Romero e Evaristo Méndez participarán na charla As Voces dos Lugares, para finalizar o día 8 de outubro, en Triacastela, con Quique Peón e Leni Pérez, que falarán sobre Música e danza. Marta Gómez, será a encargada da moderación de todas elas.

O programa completo das actuacións e xornadas está publicado na web https://interritmos.deloa.es.

Nesta edición, INTERRITMOS SONS DO RURAL promóveno os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Asociación de Desarrollo Local Deloa, Salnés-Ulla-Umia, Asdecomor e Ribeira Sacra-Courel, entidades colaboradoras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a xestión da Medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020 e que busca a potenciación do patrimonio musical galego.

 

FONTE: Asociación DELOA