A Fundación Paideia Galiza e a Fundación EOI impulsan unha nova acción formativa dirixida a promotores e emprendedores/as culturais no rural galego

Esta acción formativa, que comezará o vindeiro 30 de setembro, está enmarcada nun convenio firmado entre a Fundación Paideia e a Fundación EOI – Escuela de Organización Industrial, para a posta en marcha de accións formativas  dirixidas ao eido da cultura e a arte no rural. Esta primeira edición de 2022, que conta coa colaboración dos Grupos de Desenvolvemento Rural, Asociación Deloa, ASDECOMOR e Ribeira Sacra-Courel, porá a disposición do alumnado do curso, profesionais e experiencias de gran percorrido no eido da xestión da cultura no rural.

O Coworking Go2Work é un programa de desenvolvemento profesional sen custo para os seus participantes grazas á cofinanciación do Fondo Social Europeo, que ofrece unha formación especializada para a xestión de proxectos culturais e artísticos a través de clases presenciais combinadas con titorías individuais.

 

Aberto o prazo de inscrición

Xa está aberto o prazo de inscrición a través da web https://www.paideia.es/coworking-padron/para todas aquelas persoas que desexen participar nesta iniciativa, que contará cun total de 60 horas formativas presenciais e de 40 de titorías individuais para cada un dos proxectos participantes.

As sesións presenciais desenvolveranse os venres en horario de 16:00 a 20:00 h e os sábados de 10:00 a 14:00 na sede que a Fundación Paideia Galiza ten en Padrón. Participarán como relatores e titores recoñecidos/as profesionais na xestión da cultura no rural, como  Rodrigo Cuevas, artista que lidera La Benéfica de Piloña, a zoqueira Elena Ferro, Keka Losada, do Festival de Cans e expertos en financiamento, traballo cooperativo, dereito, sustentabilidade ou márketing e comunicación.

O taller de apertura, que terá lugar o día 30 de setembro, será guiado polo Subdirector Xeral de Cooperación coas Comunidades Autónomas, Benito Burgos.

Pódese ampliar información a través da páxina web da Fundación Paideia Galiza, do correo electrónico padron@paideia.es ou do teléfono 981 817 000 e da páxina web de EOI – Escuela de Organización Industrial.

O programa Go2work é un espazo de traballo destinado a persoas emprendedoras e está concibido para incrementar as probabilidades de éxito dos proxectos participantes.

 

Acerca da Fundación Paideia Galiza

A Fundación Paideia Galiza é unha organización galega, creada en abril de 1986. A misión da fundación é a de promover a igualdade de oportunidades e favorecer o desenvolvemento persoal e social, mediante a creación de propostas e proxectos innovadores e sostibles. Os eixos de traballo nos que centra a súa actividade son: Discapacidade e Emprego, Xuventude e Mobilidade, Emprendemento, Desenvolvemento Territorial e Formación e Divulgación.

 

Acerca da Fundación EOI

Fundada no 1955, a Fundación Escuela de Organización Industrial (EOI) é a escola de negocios decana de España e unha das máis antigas de Europa. O seu obxectivo é formar líderes do cambio social a través da dixitalización, o emprendemento e a sustentabilidade para contribuír á mellora da economía e das persoas.

Como fundación pública adscrita ó Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e coa cofinanciación do Fondo Social Europeo, impulsou os negocios de máis de 52.000 novos emprendedores en España e fundado a Red Nacional de 50 Espazos Coworking en distintas cidades do país, así como o proxecto de internacionalización European Coworkings e o coworking virtual Espacio 51. Máis información en: www.eoi.es

 

FONTE: Asociación DELOA