terras de compostela Quince establecementos de Terras de Compostela recibiron en Santa Comba o selo que acredita a calidade turística en destino
Un total de quince establecementos de hospedaxe e restauración da contorna de Santiago recibiron o martes pola mañá en Santa Comba os diplomas que acreditan a súa formación no Sistema Integral de Calidad Turística Española en Destino, SICTED. Este selo de excelencia, ao que se sumou o GDR Terras de Compostela no ano 2019, é unha aposta deste grupo de desenvolvemento rural por mellorar a experiencia dos visitantes ao seu territorio. O acto estivo presidido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e contou tamén coa presenza da alcaldesa de Santa Comba, María Pose; e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.
O SICTED é un sistema impulsado pola Secretaría de Turismo co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e inclúe a todos os profesionais vencellados ao sector para que, de forma conxunta e homoxénea, traten de aumentar a satisfacción dos viaxeiros nun determinado destino. Guarina Rey, presidenta do GDR Terras de Compostela, lembrou que esta foi a primeira comarca rural da provincia da Coruña e a segunda de Galicia en sumarse ao proxecto.
“No GDR Terras de Compostela estamos orgullosos de que case medio cento de profesionais de diferentes ámbitos quixeran formarse neste sistema para converternos en destino turístico de calidade. Moitos turistas sorpréndese cos recursos naturais, culturais e patrimonais que descobren no noso territorio, ao que temos que sumar unha excelente gastronomía e uns restaurantes e aloxamentos que figuran nas mellores guías a nivel nacional e internacional. E todo
conseguímolo porque o noso maior tesouro é o capital humano”, subliñou Guarina Rey.
O presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, fixo fincapé nos bos rexistros turísticos do pasado verán, pediulle aos profesionais que valoren os productos únicos cos que contamos e recordou que o turismo actúa como motor de desenvolvemento. “Apostamos por un turismo respectuoso coa poboación e capaz de xerar riqueza ao arrastrar a outras actividades, como o sector primario ou o comercio local”, sinalou.
O acto de entrega dos diplomas estivo precedido por unha andaina na contorna da fervenza de Castriz, un dos moitos exemplos das fermosas paraxes naturais de Terras de Compostela. Actuou como anfitrioa a alcaldesa da capital do Xallas, María Pose, quen felicitou ás empresas distinguidas e resaltou o esforzo de concellos rurais como o seu por recuperar as áreas naturais para atraer visitantes.
Pechou o acto de entrega de diplomas a directora de Turismo de Galicia. Nava Castro animou aos profesionais a seguir apostando pola calidade e ir un paso máis alá comprometéndose en traballar por un turismo sostible, “tanto no eido medioambiental, como no social e no económico”. O obxectivo, mantivo, é “ser cada día máis competitivos facendo de Galicia todo un referente en calidade e sostibilidade nun mercado tan globalizado”.
Profesionais distinguidos
Os establecementos que recibiron os diplomas SICTED este martes son Casa Abelleira e Hotel Payro, de Ames; Apartamentos A Carballeira do Tambre e Pazo de Cores, da Baña; O Balado, de Boqueixón; Hotel Balneario Compostela e Balneario Compostela, de Brión; Casa Barqueiro, de Negreira; Casa do Gabino, Talladas Gastrobar e Hotel Xallas, de Santa Comba; Moradas do Ulla, de Teo; Casa Paramos, de Val do Dubra; e Pazo de Vista Alegre e Pazo Cibrán, de Vedra.
En nome de todos eles falou o representante do Pazo de Cores, Pablo Rodríguez, quen incidiu no papel clave que xogan as empresas turísticas no desenvolvemento favorecendo a creación de emprego e o asentamento poboacional e reinvindicou así mesmo a todos os profesionais do sector, “xente dinámica, innovadora, emprendedora e disposta a darlle novos pulos ao noso rural”.
FONTE: Terras de Compostela