Tomiño, escenario da segunda edición do Foro da Muller Rural Galega de EuRural
EuRural volve ceder o protagonismo ás mulleres e a poñer en valor e destacar iniciativas que apostan polo rural. A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural celebra o vindeiro 14 de outubro, véspera da conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais, a segunda edición do Foro da Muller Rural Galega, unha iniciativa que busca dar voz a todas as mulleres que apostaron por formar parte do rural, traballando, vivindo, transformando e axudando a mellorar o territorio.
O Pazo do Mosteiro de Tomiño será o escenario no que se darán cita 14 protagonistas deste ano, que explicarán a súa situación liderando proxectos rurais nos 13 concellos de EuRural. Despois do almorzo e networking, que comezará ás 10.00 horas, ás 10.30 horas darase paso á inauguración oficial. Logo será a quenda do apartado ‘Compartindo experiencias, visibilizando realidades’, na que se contará coas intervencións de todas as protagonistas e que este ano serán Nuria Villa Vicente, de Éxfico (A Guarda); Mar Lago Giráldez, de Glamping do Mar (Baiona); Paula Fernández Fraga, do Pazo da Escola (Gondomar); Elisabeth Lage Muíños, de Casa Rural Magina (Fornelos de Montes); Carla Valle Pérez, da Clínica de podología de Mos; Silvia Molliñedo García, de Gardian Xoias (Nigrán); Carmen Blanco, Puertas de Casa Rural Casa Puertas (Oia); Estefanía Grandal Leiros, de Encaixe – Estudio de Arquitectura (O Porriño); Angélica Lage Tellado, unha artesana de Pazos de Borbén; Inés Tornero Viñas, dedicada á confección de bolsos en Redondela; Marisol Otero Fernández e Raquel Otero Fernández, de Augaluz Florista (O Rosal); Mariví Álvarez Fernández, da Asociación Cultivos do Baixo Miño – acuBam (Tomiño); e Natalia Rodríguez Estévez, de Bodega Corisca (Tui).
Tras este espazo, ás 12.30 h, procederase á lectura do manifesto da muller rural galega e celebrarase o acto de entrega de recoñecemento á muller homenaxeada nesta edición, que será veciña da vila tomiñesa.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse xa a través dun formulario disposto na páxina web de EuRural, onde poderá tamén atopar máis información sobre a xornada.
FONTE: Eu Rural