EuRural arranca o proceso participativo para elaborar a súa estratexia de desenvolvemento local para o período 2023-2027
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural continúa dando pasos na elaboración da súa Estratexia de desenvolvemento local para o período 2023-2027. Esta semana pon en marcha un novo proceso participativo para seguir a desenvolver esta estratexia que, enmarcada no Plan estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027, pretende converterse na folla de ruta a seguir en cuestións como promoción do emprego, crecemento económico, inclusión social e desenvolvemento local nas zonas rurais comprendidas nos 13 concellos do territorio de EuRural.
Serán dúas sesións de traballo que se celebrarán na sede de EuRural en Mos e que estarán abertas á participación activa de todos os grupos de interese, tanto do eido público como do privado, de tal forma que teñan voz na identificación de problemáticas, necesidades e retos de futuro do territorio, así como no deseño da planificación estratéxica.
A primeira sesión terá lugar este mércores 19 de outubro de 19.00 a 21.00 horas e, a través de dinámicas de grupo, centrarase o debate nos eidos de acción social, da muller e do asociacionismo veciñal, cultural, deportivo e xuvenil. Por outro lado, o xoves 20 no mesmo horario terá lugar a segunda sesión, na que se abordará os sectores agrogandeiros, institucional, dos montes e medio ambiente e do desenvolvemento económico.
O obxectivos destes grupos de traballo é artellar un proceso dinámico, transversal e multisectorial que dea continuidade ao labor realizado nos dous períodos anteriores de programación, o 2007-2013 e o 2014-2020, facendo especial énfase no enfoque participativo en todas as fases do proceso de elaboración.
As persoas ou entidades interesadas en participar poden confirmar a súa dispoñibilidade a través do correo electrónico estratexiaeurural2327@gmail.com ou no teléfono 635 814 728.