O Cávado celebra a quinta edición da súa Feira do Mel
A Asociación Montes e Vales Orientais e o Xeodestino Ancares Terras de Burón celebra esta fin de semana a quinta edición da súa Feira do Mel, dúas xornadas nas que o público poderá achegarse á produción deste produto e desfrutar da mel e da música.
A xornada arrancará o 11 de novembro pola mañá cun obradoiro de polinizadores no CEIP de Baleira a cargo da Asociación Corripa, mentres que pola tarde haberá dúas charlas técnicas na Casa da Cultura de Baleira: unha ás 17.00 horas impartida por Alberto Uría na que se afondará sobre os tratamentos orgánicos contra a varroase e outra ás 19.00 horas a cargo de Xosé Manuel Durán sobre a selección de cría de abella do país.
Xa o sábado 12 de novembro a feira abrirá as súas portas ás 09.30 horas. Ás 11.00 horas as e os amantes deste produto poderán participar nun obradoiro de cata de meles con Alberto Uría. Tras a visita das autoridades, ás 13.30 horas levarase a cabo a presentación de produto turístico Cociña de Ancares Terras de Burón, ademais de facer entrega das distincións a socios certificados, dos premios do concurso de cata e dos galardóns do concurso Pintameles para o alumnado dos centros escolares da comarca. Ás 14.00 horas haberá presentación do Grupo Operativo Gayas ‘La cocina de aldea en tu casa’. Grazas á colaboración do Concello de Baleira, a xornada pecharase ás 20.00 horas cun magosto popular na carpa da praza do Concello e foliada a cargo da Asociación Toxo Queimado e de grupos folklóricos.