Posta en marcha do novo proxecto de cooperación en apoio das IXP de Viños de Galicia

Tratase dun proxecto promovido por seis Grupos de Desenvolvemento Rural no que colaboran 16 adegas repartidas entre as cinco Indicacións Xeográficas Protexidas ao amparo das que se elaboran viños en Galicia.

Na celebración da Xornada de presentación e coordinación do proxecto de cooperación “Desenvolvemento e Dinamización das IXP de Viños de Galicia 2023” que tivo lugar no pazo de Quián en Boqueixón, deuse paso a un novo proxecto de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural e cinco indicacións xeográficas protexidas que elaboran viño en Galicia.

Ao longo desta xornada representantes das 16 adegas que forman parte das cinco IXP de Viños de Galicia, presentes nas catro provincias galegas, e os representantes de AGACAL, do GDR Pontevedra-Morrazo (grupo coordinador), do GDR DELOA, do GDR Mariñas-Betanzos, do GDR ADERCOU, do GDR Salnés-Ulla-Umia e do GDR Montes e Vales Orientais reuníronse para avanzar nesta segunda edición do proxecto de cooperación. Un proxecto que pretende impulsar o sector vitivinícola de cada unha das indicacións establecendo canles de comunicación e cooperación entre elas e, ao tempo, favorecer o coñecemento, dentro e fóra das súas comarcas, dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean.

Desta forma, levaranse a cabo accións que poñan en valor ao produto, ao territorio e aos produtores e que axuden a consolidar as marcas comerciais en cada IXP, aumentar  un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas, así como un mellor posicionamento enoturístico das adegas e territorios.

Algunha destas accións serán: a creación e posta en marcha da asociación de adegas das IXP de viños de Galicia, traballar na mobilización ou recuperación da terra agraria para aumentar a base territorial das explotacións vitícolas, a creación de itinerarios enoturísticos nas IXP de Viños de Galicia ou a celebración de catro masterclass de viños das IXP de Galicia (Coruña, Lugo, Ourense, Vigo) de formación e divulgación sobre a viticultura e os viños, que incluirán catas comentadas e a degustación de viños das diferentes IXP de Galicia.

 

 

O proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 e conta coa participación activa e contribución ao financiamento do proxecto dos propios operadores das diferentes IXP. En concreto conta coa colaboración de 16 adegas que se distribúen nas cinco Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia: Adega Ardán, Adega Os Areeiros, Mercedarios do Mosteiro de Poio, Reboraina e Videiras no Mar na IXP Ribeiras do Morrazo; Adega Entre os Ríos, Bodegas Calidade Antonio Saborido, Bodegas Torres Augusti, e Cazapitas na IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria; Pagos de Brigante, Adegas Bordel, Adegas Rilo na IXP Viños da Terra de Betanzos, Adega Terras Mancas e Vides Singulares na IXP Val do Miño-Ourense e Adega Panchín e Adega Sidrón na IXP Terras do Navia.

 

Qué é unha IXP?

As Denominacións de Orixe (DO) e Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) son instrumentos de regulación da Unión Europea para a defensa de determinados produtos tradicionais propios dun territorio que teñen determinadas características de calidade que lles confiren un lugar destacado no mercado.

As características que definen un produto con IXP son: ser orixinario dun lugar determinado, unha rexión ou un país, que posúa unha calidade determinada, unha reputación ou outra característica que poida atribuírse esencialmente á súa orixe xeográfica. Ademais, unha das súas fases de produción, cando menos, debe ter lugar na zona xeográfica definida.

En Galicia existen na actualidade cinco IXP de viños (Val do Miño – Ourense, Terra de Barbanza e Iria, Terra de Betanzos, Ribeiras do Morrazo e Terras de Navia), que engloban 44 concellos e que posúen unha ampla representación de castes de vide autóctonas galegas: 23 castes en total (9 brancas e 14 tintas).

As características que reúnen as cinco IXP e que son o eixo fundamental deste proxecto de cooperación son:

  • Compromiso común coa cultura do viño e a súa diversidade

 

  • Produto auténtico, diverso e de calidade, mantendo valores artesanais e empregando materias primas naturais e de excelente calidade

 

  • Vínculo co territorio, ofrecendo viños de proximidade, feitos por xente do lugar, favorecendo así unha viticultura sustentable, impulsando a economía local e o desenvolvemento do territorio rural e protexendo as castas ancestrais de viñedos e a nosa paisaxe.

 

  • Colaboración na conservación da cultura vitivinícola e no patrimonio material e inmaterial de cada unha das áreas.

 

  • Zonas de grande e diverso interese turístico, coa posibilidade de gozar de experiencias de enoturismo relacionadas coa viticultura, o medio natural e o patrimonio, entre as que están a degustación dos viños no lugar onde se elaboran, acompañados da gastronomía local de cada territorio.

 

 

 

Contacto coa área de comunicación para ampliación ou xestión de entrevistas:

Beatriz Garcia Cibreiro

699800749

beatriz@ideo-b.com

Un saúdo.

Departamento de Comunicación.