Medio centenar de técnicos de Asturias e Galicia reuníronse en Lugo para crear novas estratexias de desenvolvemento rural

Así, os xerentes e técnicos dos diferentes grupos de desenvolvemento rural de ambas comunidades puideron compartir e coñecer máis polo miúdo as bases do novo programa Leader 2023-2027

 

Desenvolvemento rural, estratexias para frenar o despoboamento en zonas rurais, proxectos de éxito dos diferentes grupos, boas prácticas e directrices técnicas da administración para a xestión e aproveitamento da convocatoria Leader 2023-2027, foron os temas principais entorno as diferentes mesas de debate dentro do programa Xornada de Intercambio Leader Norte.

Desta maneira,  o salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus De Lugo (USC) reuniu ao longo desta mañá, ao persoal técnico das administracións tanto de Galicia como de Asturias, aos xerentes e técnicos dos grupos de desenvolvemento rural de ambos territorios e técnicos expertos en xestión de fondos europeos e cooperación, que debatiron as melloras técnicas, a simplificación administrativa e accións conxuntas, necesarias para mellorar o funcionamento de entidades que dinamicen o rural.

Este encontro ten como marco a análise do novo período do programa LEADER 2023-2027 e das aplicacións dos fondos da Política Agraria Comunitaria da Unión Europea que supón o desenvolvemento do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) para España. Por este motivo, os proxectos LEADER teñen que adaptarse a un novo marco, o que supón unha serie de retos en materia de formalización de novos acordos de colaboración entre os grupos de desenvolvemento rural, que son os protagonistas no programa LEADER, e os organismos responsables de cada comunidade autónoma.

Co obxectivo de converter aos GDR en elementos clave do desenvolvemento das zonas rurais onde xa están traballando, tratouse de definir o modelo de participación dos mesmos nas axudas neste novo período para que cheguen aos promotores e dean resposta aos obxectivos fixados nas estratexias de desenvolvemento local, no marco de políticas de emprego, crecemento económico, igualdade e inclusión.

A xornada estivo inaugurada polo presidente da Asociación de GDRs de Galicia, José Antonio Santiso Miramontes, o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, a directora de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé Riveira, a directora xeral de Agricultura, Agroindustria e Desarrollo Rural do Principado de Asturias, Begoña López Fernández, o presidente de READER, Belarmino Fernández Fervienza, o presidente do GDR Comarca de Lugo José Ángel Santos Sánchez e a directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, Rosa Romero.

Xa en horario de tarde, presentouse un dos proxectos de éxito como son os Ecocomedores, neste caso, o alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias González, o presidente do GDR Terra Chá, José Antonio López Sierra, e a directora do CEIP plurilingüe de Riotorto, María Airado Otero, deron conta dos primeiros resultados e de como este tipo de iniciativa supón unha mellora para os produtores locais, entidades e o alumnado.

Esta Xornada, que xa tivo a súa primeira actividade onte luns visitando a aldea modelo de Moreda, en Folgoso do Courel, está organizado en colaboración pola asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta e a Dirección General de Agricultura, Agroindustria y Desarrollo Rural do Principado de Asturias, e a Red Asturiana de Desarrollo Rural.

 

Contacto coa área de comunicación para ampliación ou xestión de entrevistas:

Beatriz Garcia Cibreiro

699800749

beatriz@ideo-b.com

Un saúdo.

Departamento de Comunicación AGDR.