A Asociación de GDRs de Galicia participou no evento “Somos LEADERs” organizado polo Ministerio de Agricultura
O presidente, José Antonio Santiso, que recibiu un recoñecemento pola súa traxectoria e polo seu compromiso coa innovación e a revitalización do medio rural, lembrou que “este modelo, con máis de tres décadas de traxectoria, ten demostrado ser unha ferramenta eficaz para impulsar o desenvolvemento do territorio”
A Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia participou esta semana en dúas importantes iniciativas celebradas en Jerez de la Frontera, organizadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), co obxectivo de reforzar a cooperación entre territorios, compartir experiencias e analizar os retos de futuro da metodoloxía LEADER no conxunto do Estado.
A primeira das citas tivo lugar o pasado 24 de xuño coa celebración da novena reunión do Grupo LEADER, un encontro que serviu como antesala do evento “Somos LEADERs”, desenvolvido ao día seguinte e centrado na posta en valor do papel que desempeñan os Grupos de Acción Local como motores do desenvolvemento rural.
Impulsado polo MAPA, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria, o Grupo LEADER constitúe un foro permanente de diálogo e coordinación entre os diferentes axentes implicados na aplicación desta metodoloxía en España. O encontro favoreceu o intercambio de coñecemento, a aprendizaxe mutua e a posta en común de boas prácticas entre as redes rexionais e nacionais de Grupos de Acción Local, as autoridades de xestión e os responsables autonómicos do programa.
Durante a reunión abordáronse cuestións estratéxicas relacionadas coa implementación do actual período de programación, a execución dos fondos e os principais desafíos aos que se enfrontan os territorios rurais, reforzando a colaboración entre administracións e entidades para continuar impulsando un modelo de desenvolvemento participativo, sostible e adaptado ás necesidades de cada comarca.

Xerentes e técnicos de GDRs galegos presentes posan xunto a representantes da Comisión Europea do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e do Principado de Asturias.
Participación galega
Nesta novena reunión do Grupo LEADER, o xerente do GDR Ordes-ASDECOMOR, Domingo Lojo Caamaño, participou na mesa de traballo sobre gobernanza LEADER compartindo a súa experiencia no territorio. Nela, debatíronse importantes cuestión como: cara onde vai o Plan LEADER, como simplificar a súa xestión, que modelos de gobernaza funcionan mellor ou que rural se quere contruír.
Pola súa banda, a xefa adxunta da Unidade de Sustentabilidade Social, da Direción Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, María Gafo, puxo en valor “o papel fundamental do LEADER na futura PAC”.

O xerente de ADECOMAR (segundo pola esquerda) durante a súa intervención na novena edición do Grupo LEADER.
“Somos LEADERs”: tres décadas transformando o rural
No recinto no que se desenvolveu o encontro “Somos LEADERs” a Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia contou cun stand propio no que deu a coñecer o labor que desenvolven os distintos GDR das catro provincias galegas. O espazo serviu como escaparate da actividade da rede galega, coa intención de informar aos asistentes sobre os proxectos e iniciativas impulsados nos diferentes territorios.
Ademais, proxectouse de forma continua, nunha pantalla de gran formato, un vídeo conmemorativo dos 35 anos da metodoloxía LEADER en Galicia, no que se repasou a súa evolución e se puxo en valor o traballo desenvolvido polos Grupos de Desenvolvemento Rural na dinamización económica social do medio rural galego.
O encontro serviu tamén para compartir experiencias e boas prácticas entre Grupos de Acción Local de todo o Estado, poñendo de manifesto a importancia da cooperación e do traballo en rede para afrontar os retos demográficos, económicos e sociais que afectan ao medio rural.
Ferramenta clave
A secretaria de Estado de Agricultura e Alimentación, Begoña García Bernal, reivindicou o papel da metodoloxía LEADER como unha ferramenta clave para impulsar o desenvolvemento rural ao longo das últimas tres décadas.
“A España e a Europa rurais necesitan unha PAC forte e unha política de desenvolvemento rural ambiciosa. Non falamos só de fondos ou de programas; falamos de oportunidades, de emprego, de servizos e da posibilidade real de que a xente poida desenvolver o seu proxecto de vida alí onde quere vivir”, sinalou.
Durante a súa intervención destacou que, no período 2014-2022, LEADER mobilizou preto de 1.000 millóns de euros a través dos 253 Grupos de Acción Local existentes en España. Este investimento permitiu impulsar milleiros de proxectos de desenvolvemento local, crear máis de 11.900 postos de traballo e acadar unha execución practicamente completa dos fondos dispoñibles, consolidando LEADER como unha das principais ferramentas de desenvolvemento rural da Unión Europea.

O presidente da Asociación de GDRs de Gaicia recibe o recoñecemento da man da secretaria de Estado de Agricultura e Alimentación, Begoña García Bernal.
Recoñecemento ao presidente da Asociación de GDRs
No transcurso do acto celebrouse tamén unha homenaxe a persoas e entidades que contribuíron de maneira destacada ao desenvolvemento da metodoloxía LEADER en España.
Entre os galardoados atopábase o presidente de AGDR de Galicia, José Antonio Santiso, quen recibiu un recoñecemento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación pola súa traxectoria e polo seu compromiso coa innovación e a revitalización do medio rural.
O Ministerio destacou a súa contribución ao enfoque LEADER e o traballo desenvolvido ao longo dos anos en favor dos territorios rurais, recoñecendo unha labor orientada á creación de emprego, á diversificación da economía local e á xeración de novas oportunidades para fixar poboación e impulsar un desenvolvemento sostible desde o territorio.
O presidente de AGDR Galicia reivindicou a importancia de seguir fortalecendo o programa LEADER, especialmente en comunidades como Galicia, “nas que o rural ten un peso fundamental”. Neste sentido, lembrou que este modelo, con máis de tres décadas de traxectoria, ten demostrado ser unha ferramenta eficaz para impulsar o desenvolvemento do territorio, favorecer a creación de emprego, diversificar a economía local e fortalecer o tecido social dos municipios rurais. Así mesmo, destacou que o éxito de LEADER reside na súa metodoloxía participativa, que sitúa á poboación local no centro da toma de decisións e permite deseñar estratexias de desenvolvemento adaptadas ás necesidades e potencialidades de cada territorio.
Santiso insistiu, ademais, na necesidade de que as institucións europeas manteñan unha aposta decidida polo desenvolvemento rural e doten a esta iniciativa dos recursos necesarios para que continúe sendo un motor de oportunidades, innovación e cohesión social no rural galego e no conxunto de Europa.




