LEADER 2014-2020

Marco Normativo

No marco do PDR  de Galicia 2014-2020 Agader vai tramitar a medida 19 Leader, amparada así mesmo por o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen  disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, regula no título III, capítulo II o desenvolvemento local participativo (DLP)

Esta actuación dá continuidade a programas Leader anteriores tales como a iniciativa experimental (Leader I), pasando polos programas Leader II e Leader Plus, ata consolidarse no período 2007-2013 coma o eixe 4 do PDR de Galicia.

O enfoque Leader

O enfoque LEADER persegue unha aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando todos os recursos e actores económicos e humanos que na comarca de actuación existan.

O elemento esencial da metodoloxía LEADER é que se trata de “Procesos de abaixo cara arriba”, é dicir, as estratexias ou programas específicos de desenvolvemento rural definisen no ámbito local do territorio, e as decisión sobre as liñas concretas de aplicación das axudas e mesmo dos proxectos que se financian son tomadas nese mesmo ámbito por partenariados de axentes públicos e privados (na súa maioría privados por esixencia do programa).

Para asegurar esa participación da sociedade rural constituíranse os Grupos de desenvolvemento rural (GDRs), entidades sen ánimo de lucro, con socios públicos e privados que seleccionan os proxectos que lles permiten levar a cabo a súa estratexia de desenvolvemento.

Estes GDRs implican polo tanto unha formulación multisectorial, tanto na dimensión económica, non só do sector primario, como no resto de dimensións sociais; equipamentos, servizos e dotacións públicas, defensa dos valores patrimoniais e medioambientais, relacións sociais, traballo en rede, etc.

Tendo en conta as características específicas do territorio rural galego e o xa citado obxectivo  de contribuír á estratexia europea 2020 acadando un desenvolvemento territorial equilibrado, incluíndo a creación e a conservación do emprego, o enfoque Leader para o período 2014-2020 en Galicia, orientarase á consecución prioritaria dos seguintes, obxectivos:

Mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural.

Mellorar e implementar servizos para a poboación nas zonas rurais, favorecendo a mellora do nivel de vida da poboación rural, a inclusión social e a redución da pobreza.

Favorecer a ocupación sostible do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, os mozos/as, as persoas con discapacidade, as persoas maiores, etc.

Garantir a sostibilidade da actividade no medio rural, mediante un coidado e utilización adecuada dos recursos naturais.

Potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio.

Contribuír á concienciación e ao fomento da necesidade de pasar a unha economía baixa en carbono e capaz de adaptarse ao cambio climático, fomentando a utilización de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.