LEI DE RECUPERACIÓN DA TERRA

O principal obxectivo da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia é loitar contra o abandono e a infrautilización das terras e facilitar unha base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, á vez que procurar anticiparse aos incendios e traballar, en definitiva, pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural.

A xestión adecuada da terra agraria é imprescindible para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, os obxectivos do Pacto Verde da UE e os do Pacto Europeo polo clima. Ademais, a seguridade esixe garantir a competitividade das explotacións agrícolas e a resiliencia dos sistemas alimentarios locais e rexionais, polo que resulta esencial protexer un recurso escaso e non renovable como é a terra agraria, así como asegurar o seu acceso aos produtores agroalimentarios.

Fai clic nas imaxes seguintes para acceder ás presentacións sobre a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Aldeas modelo

Unha aldea modelo é un tipo de instrumento de recuperación da terra agraria que ten como obxectivo poñer en produción, de xeito sustentable, as terras abandonadas de alta capacidade produtiva que rodean os núcleos de poboación, contribuíndo así á creación de actividade agrogandeira e á redución do risco de incendios.

Fai clic na imaxe seguinte para descargar unha presentación sobre as Aldeas Modelo:

Condicións:
  • As terras perimetrais da aldea deben estar na súa maioría nun estado de grave abandono, ao tempo que deben ter unha boa capacidade produtiva.
  • É necesario o acordo das persoas propietarias dun mínimo do 70% da superficie.
  • As persoas propietarias dos terreos comprométense a incorporalos ao Banco de terras por un período mínimo de 10 anos.
Características:
  • É un instrumento totalmente voluntario; se o propietario non quere participar, as súas terras quedan excluídas.
  • Non se reestruturan as parcelas, é dicir, non se tocan os marcos.
  • As parcelas son arrendadas ás persoas propietarias a través do Banco de terras, polo que estes conservan a súa titularidade.
  • Préstase especial atención ao mantemento, conservación e recuperación das infraestruturas agrarias (valados e rede de camiños interiores).
  • É unha actuación respectuosa e sostible, ligada fundamentalmente a producións tradicionais e preferiblemente ecolóxicas.
  • Formarán parte dunha Rede de Aldeas Modelo para xerar sinerxías e compartir coñecementos.
Fundamento legal:
  • Artigos 79 e seguintes da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
  • Artigos 47.bis e 47.ter da Lei 6/2011 de mobilidade de terras.

Na siguiente ligazón pódese ver un vídeo relacionado coas ‘Aldeas modelo’ que se emitiu no programa ‘Labranza’ na TVG:

aldeas modelo

Perímetro e faixa de incendios de la AM de Parada dos Montes – A Pobra de Brollón

Polígonos agroforestais

Os polígonos agroforestais son instrumentos para a recuperación e posta en produción de terras de boa capacidade produtiva, que se encontren en estado de abandono ou infrautilización ou sexan susceptibles de optimización, coa finalidade de constituír áreas de explotación que garantan a súa rendibilidade.

Fai clic na imaxe seguinte para acceder a unha presentación sobre os Polígonos Agroforestais.

Os polígonos agroforestais son instrumentos para a recuperación e posta en produción de terras de boa capacidade produtiva, que se encontren en estado de abandono ou infrautilización ou sexan susceptibles de optimización, coa finalidade de constituír áreas de explotación que garantan a súa rendibilidade.

Os polígonos agroforestais poden ser de iniciativa pública ou de iniciativa privada e en ámbolos dous casos deberá contarse co acordo dos propietarios de máis do 70% da superficie do polígono.

Deberá existir un estado de abandono ou infrautilización nun mínimo do 50 % da superficie do polígono, agás que os propietarios de máis do 70% da superficie se comprometan desde o inicio a manter ou pór en produción as terras.