Case cen persoas realizaron a andaina contra a violencia organizada polo GDR Limia – Arnoia
Ao remate, membros da Asociación Limisi e a Xerente do GDR, Eva González, leron cadanseu manifesto
A nosa veciñanza volveu amosar a súa implicación na loita contra a violencia coa participación na andaina que tivo lugar esta mañá por un tramo do Camiño de Santiago e pola ribeira do río Limia e que estivo organizada polo GDR Limia – Arnoia dentro da campaña “Non peches os ollos” e do programa “O Rural contra a violencia de xénero”.
Acompañados dunha temperatura moi agradable, unhas cen persoas percorreron en pouco máis dunha hora seis quilómetros. A praza Carlos Casares de Xinzo de Limia foi o punto de saída e de chegada do percorrido no que participaron veciños e veciñas de todo o territorio; membros da Asociación Limisi (Asociación de Diversidade Funcional de A Limia); a Alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez; a Alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade; concelleiros de Xinzo de Limia así como os membros do GDR Limia – Arnoia.