Os viños das IXP acreditan en Paderne a súa relevancia no desenvolvemento do medio rural como produtos de calidade diferenciada

Durante todo o día tiveron lugar, na contorna da Capela da Esperela (Paderne), as cuartas Xornadas de divulgación e Túnel do viño das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Galicia, coa IXP Terra de Betanzos como anfitrioa. Institucións, e expertos coincidiron na importancia do valor diferencial e identitario dos viños con indicación xeográfica. Profesionais da hostalería e público xeral puideron comprobar a calidade diferencial destes viños nas catas comentadas que se celebraron pola tarde.

José González Vázquez, Conselleiro de Medio Rural, José Ramón Rioboo Castro, alcalde de Culleredo e Delegado de Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible da Deputación da Coruña, César Longo Queijo,Alcalde de Paderne e Xosé Antonio Santiso Miramontes, Alcalde de Abegondo e Presidente GDR As Mariñas Betanzos presidiron a mesa insitucional dende a que se deu lectura a un manifesto de apoio ás IXP, importante ferramenta para o desenvolvemento rural. Todos coincidiron na importancia dos produtos que aportan calidade diferencial, como son os viños con indicación xeográfica protexida, no desenvolvemento do medio rural en afrontar retos como o da posta en valor do territorio e evitar o abandono de terras. Tamén en recoñecer o labor dos viticultores e adegueiros que traballan con paixón na elaboración destes viños.

 

FONTE: GDR Pontevedra Morrazo