“Auga e vida” Nomeada a mellor obra artística do GDR Condado Paradanta
A fotografía “Auga e Vida” de Diego Alonso foi nomeada polo público como a “mellor obra artística do GDR Condado Paradanta”, na terceira edición do certame artístico que organiza a entidade supramunicipal. Segundo o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo, a peza gañadora, na que se ve en detalle como caen gotas dunha man feminina que acaba de mollarse no río, “transmite moito do espírito do territorio, como é o gozar con tranquilidade e calma da natureza da zona”. O III Concurso Artístico do Condado Paradanta – visións do territorio, que ten como obxectivo por en valor o patrimonio natural, cultural e social da área de actuación do GDR, contou con catro categorías de participación: fotografía, vídeo, pintura e deseño. Cada una delas conta cun premio do xurado e outro do público, sendo este último, o responsable de designar a gran gañadora do certame, a través do número de interaccións na rede social de Facebook. Gañadores por categoría “Auga e Vida” tamén foi a preferida polo público na categoría de fotografía, aínda que “La nueva libertad”, de Marcos David del Río, foi a elixida polo xurado. Tamén foron dous os vídeos premiados, “Coñece o noso Condado” de Lorena Carrera, obtivo o voto do xurado, e “Recunchos do Condado Paradanta” de Rosa María Tielas foi o máis votado pola audiencia. Na categoría de deseño houbo unanimidade e “O paseo das pantasmas” de Matías Bas, foi a preferida tanto do xurado como do público. En pintura, Beatriz González recibiu o premio do xurado pola obra “La Moreira” e o do público por “Dedicación”. Premios O primeiro premio de cada categoría contará cun pack experiencia que consiste nunha actividade a escoller entre turismo activo, visita guiada ou cata comentada máis unha cea para dúas persoas en algún establecemento SICTED do Condado Paradanta. Ademais, os gañadores do público, levarán un lote de produtos locais.
FONTE: GDR Condado Paradanta